sábado, 7 de junho de 2008

Una, doli, teli catoli, bili, bilete, estaba a raiña na súa casiña, chegou o rei rompeu o barril, barril barrilón contaas ben que as vinte son


Quédanme cinco minutos de insomnio, non me podo permitir máis ca iso
cinco minutos de estúpida irreflexión, de vulgaridade constante
cinco minutos, oes? Cinco, que non son quince, nin media hora,. Son cinco. Punto.
van pasar depresa, cada letra é unha milésima un tac tac tac das xemas sobre os dentes do piano
queda esperar a que os ollos se pechen sós e viaxar de balde polas gadellas do inconsciente
e todo é tan fabuloso, misterioso e soñador
e van dous
o colchón ábrese perante min, coma min perante a xente
ábrome, son moi aberta, extrovertida, (será pervertida)
e van catro
e vulgaridade constante, e a novela das tres que se proxecta todo o día
e van cinco.



Alá se foron, foronse os cinco minutos, veñen outros pero xa non vou ter conta deles, que se apañen! E non estou xogando, isto que vivo chámase insomnio, non concilio o sono a pesares de que noto o corpo canso, os ollos doentes por pecharse, pero túmbome, pecho os ollos e algo me escoce que me obriga a abrilos, e centos de formigas a morderme dentro da cama e teño que erguerme dun chimpo.

Na miña contra vai a falta de costume, isto non soe pasarme, só pasa cando tomo café... hoxe tomei dous, moi negros, dous señores cafés sen azucre, amargos, dignos de compararse cun trago de caña.
Observese que eu son moi montuna, bebo café negro e fumei habanos larga tempada, e nacín dentro dunha piña cos meus irmáns piñóns. Eu polas mañáns arresendo ao rexío sobre as follas das lagarteiras, ás doce ulo as bosteiras secas sobre o asfalto fervente de finais de xullo, e contra a noite cheiro ao xudre que sae da boca da cuba. Eu son así, montuna.

Oe, debería ir durmir, debería ir durmir porque mañá teño que madrugar, mañá será sábado, un sábado soleado de biblioteca, un sábado que non deixa de ser un fermoso día de biblioteca. Bicos de nai is for to lovers

Nenhum comentário: