quinta-feira, 10 de julho de 2008

o mar

Viaxar en barco durante horas foi coma ir enriba dunha balea, estar a estribor, apoiada na baranda e tan a gusto mentras o vento che bate na cara, mirando a exquisita calma das augas, a intensidade da cor, e as mínimas perturbacións esbrancuxadas e escumosas.

Os elementos actuan como anestesia da mente, todo che leva a pensar só en querer ser peixe con ás, ou paxaro submarino, todo o que poden abarcar os teus ollos convértese nun desexo feroz, nunha ansia de abarcalo todo cos límites do teu corpo. Cortar todas as cores do ceo e do mar e facer unha colcha inmensa de retais de tonos azuis e brancos, e amantarte tirada no baleiro, deixando que todo o que che cobre, se filtre pola túa pel, tentando posuir a inmensidade.

A sensación do navío as veces é frustrante, é como andar pola corda frouxa, cos pés en equilibrio, condenados a unha liña. O mar faise tan apetecible que quixeras tirarte en riba e absorbelo polo narís. Mirás para abaixo e aparece o casco metálico, groso, impoñente e ameazador, xiras a cabeza e imaxinas a helice, e entón aterras e decataste das augas tintadas de sangue, de que non che queda mais remedio que ser simple observadora, que o teu tamaño e a túa condición só che permiten posuir ese anaco de espacio no aire, e que os teus ollos son o órgano misterioso que che amosa o imposible.
Posted by Picasa

Um comentário:

Anônimo disse...

imaxínate o que sentira ese mar que te viu marchar sen poder nin siquiera tocarte.