quinta-feira, 21 de agosto de 2008

Lenda da Vía Láctea


Ela quería chamarse Hera, e canto antes quería ter un fillo que fose polo menos a metade de forte e fermoso que o Hércules que Ela se imaxinaba.
Ela chamoulle ao seu cancelo "as murallas de Tebas", e con ese conto cando había noite clara, corría alí a sentarse uns minutos agardando a que aparecese o recén. Agardaba o tempo que a Ela lle parecía oportuno, tempo no que na súa cabeza ían aparecendo as escenas dunha muller coa cara descomposta pola dor, e empapada en bágoas, co corpo escondido debaixo dun manto coma o da Virxe María do Belén. A muller tiña que ter tempo a vir dende lonxe -a aldea veciña de Fonte Paredes-. Ela vía camiñando pola estrada unha sombra na noite, que andaba de vagar, para non espertar ao bebé, que ía moi abrigado entre dúas mantas desas de cores crúas, sen debuxos, porque ela sabía que naqueles tempos as mantas eran das que picaban e non tiñan nen bonecos, nen flores, nen pintas, nen cadros; nen eran rosas, nen azuis, nen laranxas, todo era da cor da area, ou marrón coma as cascas dos carballos, ou verde coma o pano de mesa verde, que estaba descolorido de tanto lavalo. A roupa de Alcmena era dese verde moi gastado, pero polo día, porque cando era de noite e Ela agardaba polo bebé, a roupa de Alcmena non tiña cor, xa dixemos que era unha sombra na estrada.
Pois iso, que mentras agardaba, ela miraba o ventre das súas figuras, miraba os centos de puntiños de luz aló enriba, e ainda que só sabía recoñecer o carro, o cazo e o río branco que dividía o seu cadro, o resto das siluetas de deusas, deuses e animais inventábaas Ela, e quedaba sempre moi convencida dos seus achádegos.
Sen dúbida agardaba por Hércules só por unha razón, Ela quería ser Hera, porque Ela quería que fosen os seus peitos os que zurrichasen o leite, porque a Vía Láctea era a súa cousa favorita no ceo, ao igual que o ría Tambre era a súa cousa favorita na terra.
E así agardando morreu o conto
Posted by Picasa

Um comentário:

Anônimo disse...

Morreu ese conto e morreron miles de contos e máis que morreran... contos de búsqueda e espera. Agardar por ese elemento, ese xiro que converta a realidade nunha realidade que nos converta en aquelo que cada un quere ser. Porque ninguén se quere a si mesmo, porque si nos quixeramos, teríamonos e se nos tivésemos seríamos felices sen necesidade de nada máis. Pero non é así... Ela agarda polo seu Hércules e Hércules agarda pola súa Mafalda, Mafalda fumando espera o seu Rod Stewart e o vello Rod desfolla margaritas pensando en Stravinsky quen, por certo, o final tivo rollo coa nube kinton...

que jodido é estar vivo, ainda bua que a morte é algo innato en nos.

Instisfacción e Johnny-Cola.... mmmm... cantas noites.

bicos.