quinta-feira, 25 de setembro de 2008

filmes na montaña



De novo volvín ser cativa entre os peitos da terra, volvín ver as silveiras onde temos collido tantas moras, e volvín a ver aquela casa tan grande e tan limpiña e tan chea a pesares de que só vivía Aladino.
Aladino, que non é o curmá de Simbad, Aladino é un deses personaxes que unha vez que coñeces o cine dis "oh! é un auténtico personaxe de pelicula", e estou segura de que de non existir o cine, dirías "oh! é un auténtico personaxe de novela". O caso é que Aladino é un personaxe singular, e Aladino vive nunhas circunstancias moi singulares tamén.

Ao igual que en moitas das zonas de montaña que nos poden vir á cabeza en poucos segundos, nos Ancares, vivía moita xente que habitaba as aldeiñas que se perdían entre as ladeiras do Val de Rao, centos e centos de persoas que coidaban o gando, esmelgaban, cocian pan, afumaban chourizos, enchían tabernas e igrexas, nenos e nenas que abarrotaban escolas. Falábase do lobo, tocábase a pandeira e a gaita e o acordeón e de vez en cando alguén ó pé da lareira lles contaba ós cativos que por alí non daban chegado os trens e as estrelas das revistas, pero por alí facía moitos moitos centos de anos chegaran os romanos, unha estrela dos romanos, e houbo guerras moi importantes que agora saen en tódolos libros de historia da nosa terra.

Aladino fala de cando na súa aldea a escola tiña 49 rapaces e rapazas, para un só mestre! e como agora está alí chantado o edificio, que leva anos baleiro, sen ensinar nada, porque non hai a quen aprenderlle, a xente que queda xa non está para ir á escola, porque din que xa aprenderon demais, porque despois de morto xa pouco che vale o que che ensinen, non e?

nunha aldea próxima fai uns anos levantaron un edificio enorme, para meter a 150 nenas e nenos, o ano pasado houbo 8, algúns xa pasan a secundaria, e buscarán un colexo para ir internos toda a semana, o impoñente edificio quedará coma tantas casas e casuchas que por alá hai, pechado, silente, coas silvas ameazantes, loitando por apoderarse de todo sinal de vida, da cor do pasado. O monte, o monte trágao todo, traga a xente e traga as casas, traga o alento.

Aladino non parece triste, Aladino leva 46 anos vivindo terra adentro, servindo a quen lle precise axuda, Aladino é albañil, é fontaneiro, é conductor de transporte escolar, de ambulancia, de víveres, é apicultor e horticultor, é historiador, é apolítico porque é amigo de todas e de todos, é abstemio por obrigación, e cando lle corresponde é párroco dunha ducia de parroquias, de Lugo, de León e de Asturias, que se di pronto, non di?

A Aladino fóronlle morrendo os veciños, agora dise sentir mais só, el que vivía nesa impoñente casa no medio da montaña, a quilómetros e quilómetros por estradas serpenteantes á beira do abismo. Agora non sinte petar co martelo ó Rubio, di que ainda que non se visen en todo o día, no medio do silencio, oilo petar era sentila presencia dalguén máis, outro ser que non fose corzo nen pita nesa illa no medio de ningures.

E os anos pasan, e o Rubio morreu, e tamén morreu o da Fonte, e do Xesto, e o Gaiteiro do Chozo, e o Pirrete, e a muller, e os novos vanse a Barcelona, e xa ninguén quere aturar o inverno condenado.

E os nenos dicíanlle "súbete á alfombra Aladino, e tráenos caramelos de Navia", e aladino subía no Land Rover e veña, traía medicamentos, queixo, chocolate carmiña con améndoas, caña, pan, neviña, e sempre caían os caramelos.
Aladino agora, na súa citroen, trae medicamentos e mais medicamentos, e cun medio sorriso, unha bolsiña de caramelos brandos.
Posted by Picasa

3 comentários:

Anônimo disse...

O final foi ben certo que me levaches contigo... Agora xa podo dicir que ali estiven e que a miña cara de parvo e os meus ollos de parrulo tamen viron o que ti quixeches que vira... uuu... Por eso precisaba que escribiras algo... para asomarme un ratiño polas túas pupilas a ver que é o que tal se ve dende alí. E mira :) Fermosura de realidade densa que moi pouquiña xente é capaz de recoller nun so vistazo.

Que maxia tes pekecha. Mua.

disse...

botoche de en falta e non sei se se diz asin...en fin esquezo a fala a pasos de xigante mais a vos vos teño moi presentes.
bikos rula, escrivoche mais de vagarinho cando teña un intre.

Anônimo disse...

canto tempo sen discurrir nada novo... tan aburridiña te teñen?


:P