Paseas só pola noite cuberto de notas que fan que as túas xemas pulsen o forro do peto do vaqueiro. Paseas de volta á casa onde dis que ninguén te agarda, onde te agardan todas e cada unha delas, deitadas e espertas agardan sempre por ti, pensando nos teus pasos de cabalo pola realidade oscura da noite.
Sentes o frío nos beizos nús, os meus quedaron lonxe, quentes de lembranzas, fregoos con forza cando se enfrían para que non se borren os teus, e así vou adormecendo mentras ti camiñas a distancia que separa os dous puntos no espacio.
Eu camiñaría por ti a distancia entre os puntos... e caería por ti, traballaría e sofriría por ti, e sería a estúpida mártir que chora sangue das vítimas todas do mundo que a rodean, condeneime un día, aquel día no que fixen o buraco coas medidas da miña cabeza.
É sinxelo buscar unha resposta noutra cabeza allea, é dificil expulsar o salitre da gorxa, que se che mete polo narís e só podes sumerxirte nas olas que deixaches no verán para fuxir da lareira que non é capaz de chegar dende a aldea.
estamos soas e ainda así sigues soando a maravilla.

Nenhum comentário:
Postar um comentário