domingo, 24 de agosto de 2008

a rapaza que naceu cun ollo metido no dedo


Había unha muller, que foi parir ao Clínico de Santiago, o embarazo fora normal, apenas molestias e tal. Pero xa nas ecografías... "señora, que o feto estalle moi revirado... pero ten todo ben, os órghanos ben desarrollados.. ao mellor é que así se atopa máis cómoda a criatura".
Desto que unha vez fóra, viron que a criatura seguía encollida, porque nacera cun dedo dentro do ollo, ou o ollo metido no dedo, que po caso... a nena facía vida visual polo ollo esquerdo, porque no dereito sempre vía aí unha negrura que non lle deixaba ver o mundo con claridade.
A probe da rapaza de tanto forzar o ollo esquerdo rematou tendo un desprendemento de retina, polo que só podía ver mais ou menos polo ollo que tiña o dedo dentro. E nada, foise acostumando ben como puido a ver as cousas tal e como lle deixaba o dedo, a moza xa non podía pedir máis... E acabou por meterse nas listas de non sei que, afiliarse a non sei canto, por opinar así e andando, e sen querer tiña tantos cartos nos petos que os problemas de espalda que tiña de andar torta por levar sempre o ollo metido no dedo se lle acrecentaron co peso das moedas. E dixo "xa de paso que baleiro os petos de tanta riqueza, opérome aqui o que se dí o desprendemento do esquerdo, pághome un fisio pa que me solucione o do lombo, e a ver se nunha clínica desas de Estados Unidos me miran de arreghlar o do ollo no dedo..."
E meu dito meu feito, a rapaza, xa feita unha señorita, volveu da clínica americana, completamente erguida e coa mirada doble e limpa.
E para estrear os dous ollos comezou a mirar aos lados, e colleu un xornal, e prendeu a tele, e mirouse ao espello, e volviu mirar para a tele, e mirou para o xornal, apaghou a radio, e a probe da rapaza entrou en tal conflicto que colleu unha man, fixo os cornos (en plan heavy!) e chantouse un dedo en cada ollo.

e aghora vai por aí berrando "que maravilla chico!Onde vai parar!!"
Posted by Picasa

sábado, 23 de agosto de 2008

arelando ou sementando arela

Posted by Picasa

A laranxa quixo ir a fonte un día, e o limón, con toda a súa acedume espetóulle "laranxa! a onde vas ti tan resabida?", -"vou á fonte, a por auga".
o limón non lle deixou, e a laranxa escapou.


A laranxa xa na fonte, desconsolada, chamou ás agachadas ó mobil do azucre, que de contado lle prometeu valela.


Á noite, na festa, os convidados aplaudiron a limonada como a máis saborosa que nunca experimentaran.




































PSD. señor, asi sen querer, temos aqui un microrrelato, non? vostede dirá...

quinta-feira, 21 de agosto de 2008

Lenda da Vía Láctea


Ela quería chamarse Hera, e canto antes quería ter un fillo que fose polo menos a metade de forte e fermoso que o Hércules que Ela se imaxinaba.
Ela chamoulle ao seu cancelo "as murallas de Tebas", e con ese conto cando había noite clara, corría alí a sentarse uns minutos agardando a que aparecese o recén. Agardaba o tempo que a Ela lle parecía oportuno, tempo no que na súa cabeza ían aparecendo as escenas dunha muller coa cara descomposta pola dor, e empapada en bágoas, co corpo escondido debaixo dun manto coma o da Virxe María do Belén. A muller tiña que ter tempo a vir dende lonxe -a aldea veciña de Fonte Paredes-. Ela vía camiñando pola estrada unha sombra na noite, que andaba de vagar, para non espertar ao bebé, que ía moi abrigado entre dúas mantas desas de cores crúas, sen debuxos, porque ela sabía que naqueles tempos as mantas eran das que picaban e non tiñan nen bonecos, nen flores, nen pintas, nen cadros; nen eran rosas, nen azuis, nen laranxas, todo era da cor da area, ou marrón coma as cascas dos carballos, ou verde coma o pano de mesa verde, que estaba descolorido de tanto lavalo. A roupa de Alcmena era dese verde moi gastado, pero polo día, porque cando era de noite e Ela agardaba polo bebé, a roupa de Alcmena non tiña cor, xa dixemos que era unha sombra na estrada.
Pois iso, que mentras agardaba, ela miraba o ventre das súas figuras, miraba os centos de puntiños de luz aló enriba, e ainda que só sabía recoñecer o carro, o cazo e o río branco que dividía o seu cadro, o resto das siluetas de deusas, deuses e animais inventábaas Ela, e quedaba sempre moi convencida dos seus achádegos.
Sen dúbida agardaba por Hércules só por unha razón, Ela quería ser Hera, porque Ela quería que fosen os seus peitos os que zurrichasen o leite, porque a Vía Láctea era a súa cousa favorita no ceo, ao igual que o ría Tambre era a súa cousa favorita na terra.
E así agardando morreu o conto
Posted by Picasa

terça-feira, 19 de agosto de 2008

a fadista cega

Non é máis ca un pano preto que me tapa a vista e seino señora, seino, mais non podo arrincarmo dos ollos, non podo señora.
Oxalá soubera eu como mirar o fronte sen me sair as bágoas coma ríos que me tupen a gorxa, que me deixan sen aire, señora.
Dígalle ao seu fillo, señora, que teño o corazón limpo e brilante,
ábrame o peito señora, véxao como escintila, ábrame o peito, señora, que eu tamén quero velo, miña dona, miña señora.
Dígalle á súa nai, señora, que foi un rato quen me roeu os petos señora, que debín telos cosido, pero non tiña fio, déame fío de seda miña ama, por caridade.
Ando perdida, e xa bo é que ando miña señora, pero xa non vexo norte na negrura, ai señora!válame señora, que non vexo norte na negrura.
Dígalle ao seu curmá, que me leve a cruzala raia miña señora, dígalle que aqui xa non me queda nada, dígalle que me leve, por caridade miña señora, teña vontade.
Déixome ir señora, polas costuras fuxen os folgos miña ama, déixome levar polo ferro que lle busco mellor vida miña señora.
Posted by Picasa

domingo, 17 de agosto de 2008

a familia


Onte houbo celebración, unha desas nas que se reune a familia enteira, ou polos menos gran parte dela. Supoño que para moita xente, iso é algo frecuente e normal... na miña non, polo menos pola miña parte, o normal é que falte eu, ou meu irmán, ou os primos de Huelva, ou algún dos nove fillos da Flora, ou algún dos dous fillos que ten cada un dos nove fillos da Flora... en realidade onte estabamos case tod@s, incluso eu, incluso eu "ben vestida" e meu irmán con polo branco, e miña nai con pendentes, e meu pai coma sempre, que sempre vai coma un pincel, coma un pincel hippie, cheo de lamparóns.
Foi extraño, onte todo semellaba normal, unha familia normal, non? desas que se reunen para festexar as bodas de ouro dos patriarcas, meu avó choraba, porque meu avó chora seguido, emociónase e xa ten que estar coa esquiniña do pano por debaixo dos lentes a secarse esas bágoas gordas tan propias dun home tan grande e vello coma el.
Eu cando me enterei que se ía celebrar tal evento, con misa e todo, tomeino con moita precaución, con extrañeza, con inseguridade, eu cria estar o tanto, polo menos nunha cativa parte, das orixes do matrimonio do que saiu a miña rama familiar, oin cousas pouco propias dos fermosos romances de amores e paixóns dos corazóns puros e namorados, oin máis ben preñeces e bodas inminentes, oin sobre costumes e sobre hábitos, sobre non queda mais remedio, sobre así ten que ser.
Pero onte todo era bonito, era formal e era típico, e mira, dentro diso, sentinme a gusto, falando con curmáns que case non coñezo, e que ainda que a penas os coñezo, podo dicir que son boa xente, e que incluso sinto pena de non coñecelos máis, de non ser mais achegados, de non ter compartido mais comidas con eles, de feito, creo que incluso me sinto menos bicho verde, creo que eles son bichos verdes coma min, que viven noutro insectario distinto, pero que creo que poderíamos ser incluso bos amigos, deses primos que hai polo mundo que son coma mellores amigos co plus de levar o mesmo sangue... tenche que haber de todo...
Foi todo tan típico que ata houbo placas desas de prata e cristal conmemorativas, desas coas alianzas e o medio século no medio, e os nomes dos homenaxeados e os nomes dos agasallantes e o marquiño de madeira, e a cara de satisfacción, e as bágoas do avó, e as mans no seguinte papel estampado, esas mans de dedos achourizados que antonte lavaban os trapos no pilón, ou agarraban o mango da forquita, ou o volante do Ebro, ou metían as rachas na cociña pra prender o lume que hoxe toca caldo. Onte foi día de festa, e todas e todos campaban con sobrios traxes grises con encaixes, e tonos pastel con abalorios nacarados, e camisas de raias, e saias unha cuarta por debaixo do xeonllo, e os novos de polo novo, e as novas de vaqueiros axustados e pelo peiteado, e as cabeleiras de mais pelo lucían tradicionais cascos de obra, ou típicos champiñóns de monte, ou dignos e claros escampados no curuto da cabeza.
E a misa?foron vinte minutiños, pero daríame moito moito que falar, quizais polos anos que xa levo sen ir, e pola morea de lembranzas que se me viñeron á cabeza, polas oracións, polos xestos do cura, por erguerse e sentarse cen veces, por mi culpa, mi santísima culpa, e polo corpo de cristo, e polo caliz de su sangre fruto de la alianza nueva y eterna, e polos apretóns de mans, e polas risas con meu irmán, que sen falar xa nos poñíamos ao tanto de todo, cando o cura dixo todopodoroso, cando a tía de Santiago tropezou no reclinario, cando se ria el e eu non aguantaba, ou o revés, cando nos daba a risa porque si, e porque non, e creo que sen dúbida teño o mellor irmán do mundo, o mais guapo e o mais listo, e coma meu irmán ningún. e punto.
E a comida? iso non conta, pra min sempre a parte, porque eu son o bicho verde, pero comezaron a disimularse os xestos de sofoco, e distraidas mans que ían debaixo do mantel a facerlle un pouco de sitio ao bandullo no pantalón, afrouxando o cinto, ou dicíndolle abur a algún botón. E mil postres, de San Marcos, de Santiago, de Gitano, de xeado, caseiros e de panadaría, e de pastelaría, e café de pota, e do descafeinado, e licor de café e de herbas, e do que trouxo o tío de Ourense, e do que trouxo de Salvaterra, e do que trouxo a filla de tal de Italia, e veña, que sobra Alvariño e só van cinco de Ribeiro, e 1906 que foi un bo ano para a cebada, e o brinde co discurso dos netos mais vellos, e vaite por outra ao bidón e secaa ben co pano e menuda merda que se lle saian as pejatinas ca ajua, e ajora chove, que se besen, que se besen, en la boca, en la boca, e meu pai que se pon a lavar os pratos co mandilón e vai a prima a sacarlle fotos morta da risa.
En definitiva, foi unha cita interesante, desas irrepetibles, porque dentro doutros cincuenta, a cousa seráche ben distinta.
Posted by Picasa