quinta-feira, 25 de setembro de 2008

filmes na montaña



De novo volvín ser cativa entre os peitos da terra, volvín ver as silveiras onde temos collido tantas moras, e volvín a ver aquela casa tan grande e tan limpiña e tan chea a pesares de que só vivía Aladino.
Aladino, que non é o curmá de Simbad, Aladino é un deses personaxes que unha vez que coñeces o cine dis "oh! é un auténtico personaxe de pelicula", e estou segura de que de non existir o cine, dirías "oh! é un auténtico personaxe de novela". O caso é que Aladino é un personaxe singular, e Aladino vive nunhas circunstancias moi singulares tamén.

Ao igual que en moitas das zonas de montaña que nos poden vir á cabeza en poucos segundos, nos Ancares, vivía moita xente que habitaba as aldeiñas que se perdían entre as ladeiras do Val de Rao, centos e centos de persoas que coidaban o gando, esmelgaban, cocian pan, afumaban chourizos, enchían tabernas e igrexas, nenos e nenas que abarrotaban escolas. Falábase do lobo, tocábase a pandeira e a gaita e o acordeón e de vez en cando alguén ó pé da lareira lles contaba ós cativos que por alí non daban chegado os trens e as estrelas das revistas, pero por alí facía moitos moitos centos de anos chegaran os romanos, unha estrela dos romanos, e houbo guerras moi importantes que agora saen en tódolos libros de historia da nosa terra.

Aladino fala de cando na súa aldea a escola tiña 49 rapaces e rapazas, para un só mestre! e como agora está alí chantado o edificio, que leva anos baleiro, sen ensinar nada, porque non hai a quen aprenderlle, a xente que queda xa non está para ir á escola, porque din que xa aprenderon demais, porque despois de morto xa pouco che vale o que che ensinen, non e?

nunha aldea próxima fai uns anos levantaron un edificio enorme, para meter a 150 nenas e nenos, o ano pasado houbo 8, algúns xa pasan a secundaria, e buscarán un colexo para ir internos toda a semana, o impoñente edificio quedará coma tantas casas e casuchas que por alá hai, pechado, silente, coas silvas ameazantes, loitando por apoderarse de todo sinal de vida, da cor do pasado. O monte, o monte trágao todo, traga a xente e traga as casas, traga o alento.

Aladino non parece triste, Aladino leva 46 anos vivindo terra adentro, servindo a quen lle precise axuda, Aladino é albañil, é fontaneiro, é conductor de transporte escolar, de ambulancia, de víveres, é apicultor e horticultor, é historiador, é apolítico porque é amigo de todas e de todos, é abstemio por obrigación, e cando lle corresponde é párroco dunha ducia de parroquias, de Lugo, de León e de Asturias, que se di pronto, non di?

A Aladino fóronlle morrendo os veciños, agora dise sentir mais só, el que vivía nesa impoñente casa no medio da montaña, a quilómetros e quilómetros por estradas serpenteantes á beira do abismo. Agora non sinte petar co martelo ó Rubio, di que ainda que non se visen en todo o día, no medio do silencio, oilo petar era sentila presencia dalguén máis, outro ser que non fose corzo nen pita nesa illa no medio de ningures.

E os anos pasan, e o Rubio morreu, e tamén morreu o da Fonte, e do Xesto, e o Gaiteiro do Chozo, e o Pirrete, e a muller, e os novos vanse a Barcelona, e xa ninguén quere aturar o inverno condenado.

E os nenos dicíanlle "súbete á alfombra Aladino, e tráenos caramelos de Navia", e aladino subía no Land Rover e veña, traía medicamentos, queixo, chocolate carmiña con améndoas, caña, pan, neviña, e sempre caían os caramelos.
Aladino agora, na súa citroen, trae medicamentos e mais medicamentos, e cun medio sorriso, unha bolsiña de caramelos brandos.
Posted by Picasa

quinta-feira, 11 de setembro de 2008

véxote amor

Agora véxote, non é broma, agora si, agora xa podo sair á horta como fago nestes casos, e berrar moi alto, "ei amor, que me tes toliña", mais que nada por vaciar o fol, que vai cheiño de bolboretas que me fan cóxegas e me dan ganas de mexarme por riba.
O amor, que cousa curiosa, que lindo é andar agora polo mundo, por este mundo tan cheo de crises, de envexas, de fames, de negocios, de torturas, de excesos, de abusos, de doenzas, de inxustizas, de represións, de sedes, de... pero cando che colle o amor pola man, e ti te deixas levar por el... entón comezas a camiñar por riba de todo iso, exténdese unha alfombra no aire que se vai desenrolando a cada paso, e ti es de súpeto un debuxo manga, que camiña ledo, con dúas raias nos ollos que semellan dous sorrisos invertidos, e vas deixando un ronsel de corazóns e flores e bolboretas e se os debuxos ulisen, todo arresendería a xazmín e a lavanda, a romeu, a auga de rosas, ou a laranxas cortadas.
non quero irme de riba da alfombra que se extende, quero chegar nela ao horizonte que non alcanzan os meus ollos, quero non mirar para abaixo, quero que todo siga sendo como se todo fose parte dunha noite de insomnio, unha película no maxín sobre o imposible.
Posted by Picasa