Ela quere novelar e non sabe como, non sabe como facelo... non sabe como describir tan ben eses momentos nos que a personaxe colle o vaso de viño e bebe un grolo e mentras ten o chopo na boca e o degusta, e xoga con el, quénceo coa calor do padal e da lingua, e vai cabilando ausente mirando as etiquetas das botellas do estante. Será algo así, non? digo eu... eu non son novelista... eu quixera selo, pero é tremendamente complicado para min... eu as veces penso que poidera selo, porque as veces teño sensacións ou teño convencementos propios dunha bonita historia, pero eu creo que para ser novelista fan falla moitos sacos de paciencia, moitos, moitos... e de tempo... e eu non teño tempo para nada. O meu tempo é un misterio... digo eu que o meu tempo ha ser un misterio ao igual que o tempo das demais...
Pero ela si que quere ser novelista, diciamos, e non sabe como. Ela quere que a lectora sinta o mesmo que a personaxe, coma se se lle metese na caluga, ou como se a personaxe tivese unha cámara de video atada no medio da testa con cinta americana, e ela fose quen de narrar todo o que vise esa cámara. Pero fáiselle dificil... porque ela pérdese nas intencións... ela perde poesía como o coche perde aceite, ela bota por fora activismo político como a pota o leite fervido, a ela sóbranlle manías como azucre a rosca de reis, éche así, ela quer novelar, e só consegue poesía en prosa, manifestos ou ensaios raquíticos de maníaca tola.
Pero ela é teimuda, ela quere ser novelista, e pensa nas cousas que fan as novelistas, e anda sempre cun caderniño no bolso, non vaia a ser que caia unha choiva de ideas, e non teña paraugas onde recollelas. Ela apúnta o que ten vagar de apuntar. Pero moitas veces ocórrenselle cousas no medio dun café cunha compañeira, ou no medio da cea, ou na ducha, ou antes de durmir -hai uns minutos de explosión creativa que preceden a inconsciencia do sono- e claro, dalle tremenda preguiza erguerse, ou sair da ducha, ou interromper a conversa, e tomar o caderno, poñerse a escribir frenéticamente para que non se lle esqueza nada de nada do que estivo a pensar, ela cre que non é cuestión...e dese xeito, perde unha alta porcentaxe de boas ideas para as súas novelas.
Ela vive así, alimentándose da esperanza de que algún día un lapis vido do máis alá abra o seu caderniño e que ela, co poder da súa mente sexa capaz de poñelo a bailar enriba das folliñas brancas de puntas roídas e porcas, que o lapis se mova coma unha bailarina ao ritmo da danza das letras, compoñendo coa súa punta fugaz a máis fermosa das caligrafías, e daí sairía a tan agardada obra.
