sexta-feira, 15 de maio de 2009

A bola na gorxa

Todo, todo ten o seu remake, todo volve pasar pero doutra maneira, unha copia inconsciente do anterior, e por iso nunca melloramos, porque sempre repetimos o mesmo unha e outra vez, por que nunca lembro a vez anterior ata que xa vou pola metade da pelicula.

odio este remake, é malo, é terriblemente perigoso, é posiblemente o peor remake da miña historia.

É todo pola incompetencia de poder facer algo mellor.

quero perder o sentido desta realidade, absorberme a min mesma, convertirme no bolo que teño na gorxa.


















voade voade xoaniñas voade,
abride as pernas e voade

quarta-feira, 13 de maio de 2009

simon




Debería ter discos de Simon & Garfunkel, e de Neil Youngh... debería tamén entender as letras, ou polo menos tentalo, seguro que John Denver agora é capaz de falarme da amizade dun xeito que me faría encollerme un chisco, só con escoitar esa voz que se quedou pendurada nun tempo, na douzura coa que non para de desculparse, sempre pedindo perdón, para non perder o que se ten, para facer notar o arrependimento dos erros que se cometen sen querer.

E cando sexa maior, e teña o meu salón, terei un tocadiscos, con moitos vinilos, sempre quixen ter unha coleción de vinilos propia, un par de estantes cheos de liñas verticais de moitas cores, coas esquinas dos cartóns roídas polo desgaste, polo uso, polas mans polas que pasaron. A miña propia coleción de vinilos, dous estantes cheos de música desa que fai que me sente e teña que parar o momento, abrir tan só as orellas e viaxar, así, sentada na butaca que terei tan só para escoitar a música dos meus vinilos, eses que sempre deseixe ter.

E véxome xirar descalza pola madeira agarrada a James Blunt falando do 73, que daquela terá 75 e seguirá tan atractivo coma sempre.

E adoro que M. adore a música, porque sei que me sacará da miña crisálida insonora, e me ensinará a escoitar, a apreciar, a interesarme... e na casa non só haberá librerías das únicas que eu sei crear, de dúcias e dúcias de lomos e tomos, de follas de papel e cartón, de letras e letras. Serán estantes de lomos plásticos, de pequenas e cadradas caixas, con debuxos e letras de cores, con cedés, con vinilos, unha memoria de infinitos gigas de palabras cantadas, de notas pulsadas. E os enormes amplificadores de son, o prezado equipo de música, que o mercaremos coa atención que precisa, que será o orgullo do recuncho, do recuncho musical, campará ostentoso, sabéndose querido.

E mentras tanto Paul Simon vai por aí cantando entre as rapazas coa súa guitarra cantando Late in the evening...
Posted by Picasa